A continuación, preséntanse unha serie de actividades realizadas polo alumnado de Educación Infantil da unitaria Céltigos para iniciarse e profundizar no estudo das cores. Atrás deixamos fichas escolares, exercicios mecánicos e repeticións innecesarias para dar paso a unha aprendizaxe baseada no descubrimento e a curiosidade. Polo tanto e facendo fincapé nesta nova filosofía educativa, levamos a cabo un taller onde experimentamos, dende diferentes perspectivas, como son ou se forman as cores, sobre todo, as primarias. Estas son algunhas:
1. Xeos de cores: Para realizar esta primeira actividade, o día anterior e nos recipientes onde se forma e garda o xeo no conxelador, colocamos auga e colorante alimentario para facer diferentes tonalidades. Para poder collelos ó día seguinte sen mancarnos (hai que lembrar que suxeitar xeo durante un anaco grande, aínda que sexa en forma de cubiños pequenos, pode danar os dedos) colocamos paos dos xelados de maneira vertical.
O resultado final foi debuxar e pintar sobre folios brancos todo aquilo que se desexase e pensase, é dicir, non se reproduciu ningún modelo previamente estipulado, o que favoreceu a imaxinación cunha nova ferramenta ou recuso educativo máis ben afastado do eido escolar. Algunhas imaxes da experimentación son as seguintes:
2. Un mundo de cores: Valéndonos de papeis de cores transparentes (facilmente atopables en calquera papelería ou libraría), saímos ó exterior da nosa escola para observar a natureza e o ceo. Destacar que esta tarefa é moi sinxela de realizar (non se necesitan máis recursos) e que ademais, aporta grandes resultados tanto nos máis cativos/as como na propia actividade docente, xa que os nenos e nenas se interesan moito polo feito de que a través de diferentes papeis, se poden ver realidades individuais e distintas.
3. Leite de cores: Para esta actividade debemos valernos dun prato, un pincel, unha cantidade pequena de xabón, leite (a poder ser enteira) e colorante alimentario de diferentes cores.
A súa realización consiste en verter no prato un pouco de leite e no seu centro, unhas cantas gotas de cada un dos colorantes alimentarios. Despois, debemos mollar o pincel no xabón para, a continuación, colocalo verticalmente no centro, xusto onde están dispostas as cores. A reacción que se xera é que as cores sairán disparadas formando un auténtico abanico de tonalidades.
Engadir que no seguinte vídeo se ve mellor esta reacción e por suposto que, a canta máis cantidade de colorante alimentario, máis cores se formarán e máis vistosa será a actividade.
4. Lámpada de lava: Supoño que todos e todas coñeceredes este experimento tan creativo e sinxelo de levar a cabo. Para iso, unicamente necesitamos aceite, dúas pasillas efervescentes, auga, un recipiente a poder ser de cristal para ver e gozar do momento, e colorante alimentario de diferentes cores.
En primeiro lugar, debemos botar no bote ou no elemento que se empregue para realizar a actividade, auga e aceite. A continuación, botar tres gotas de colorante da cor que se desexe. Finalmente e dun xeito rápido e eficaz, as dúas pastillas efervescentes. Desta maneira e utilizando a observación, veremos que o aceite e a auga non reaccionan con isto, senón que se mostran independientes, formando unha auténtica lámpada de lava. Para acompañar a tarefa, podemos valernos tamén de luz (pode ser a lanterna do móbil) e unha caixa para observar como se forman as burbullas propias da pastilla efervescente.
O experimento pode verse tamén no seguinte vídeo:
5. Mestúranse as cores? Colorinchos: Para rematar, levamos a cabo esta nova tarefa cuxa finalidade era que os máis cativos/as comprobasen cómo a partir dun sinxelo experimento, as cores non poden mesturarse nun recipiente. Pero agora estaredes todos/as pensando, iso como é posible? A resposta é moi rápida e facilmente entendible. So necesitamos azucre, auga de distintas cores (neste caso de cores amarela, vermella, verde e azul creada a partir de papel pinocho de diferentes tonalidades), unha xeringa, unha culler e un vaso de cristal pequeno.
Polo tanto, colocamos a auga en catro copas distintas e valéndonos da culler botamos 6 culleradas de azucre a cor amarela, 4 á vermella, 2 á verde e ningunha á azul, e remecemos a mestura. Logo coa xeringa, procederemos a engadir nese vaso de cristal, en primeiro lugar, a auga amarela, despois a vermella, a verde e, finalmente, a azul. É dicir, seguindo a mesma orde de colocación do azucre. Así, deste xeito, comprobaremos que cada cor se mantén intacta e que non se produce ningunha mestura de tonalidades.
Experimento divertido, limpo e rápido de levar a cabo. O seguinte vídeo así o demostra:
Como na tarefa anterior e unha vez posta en práctica esta tarefa, podemos axudarnos de luz e unha caixa para observar a mestura heteroxénea ou, por outra parte, coa luz natural, colocar o vaso nunha superficie branca e observar as cores que se xeran, como se pode ver na imaxe seguinte:

