martes, 16 de junio de 2015

Taller de cores para o alumnado de Educación Infantil

A continuación, preséntanse unha serie de actividades realizadas polo alumnado de Educación Infantil da unitaria Céltigos para iniciarse e profundizar no estudo das cores. Atrás deixamos fichas escolares, exercicios mecánicos e repeticións innecesarias para dar paso a unha aprendizaxe baseada no descubrimento e a curiosidade. Polo tanto e facendo fincapé nesta nova filosofía educativa, levamos a cabo un taller onde experimentamos, dende diferentes perspectivas, como son ou se forman as cores, sobre todo, as primarias. Estas son algunhas:

1. Xeos de cores: Para realizar esta primeira actividade, o día anterior e nos recipientes onde se forma e garda o xeo no conxelador, colocamos auga e colorante alimentario para facer diferentes tonalidades. Para poder collelos ó día seguinte sen mancarnos (hai que lembrar que suxeitar xeo durante un anaco grande, aínda que sexa en forma de cubiños pequenos, pode danar os dedos) colocamos paos dos xelados de maneira vertical. 
O resultado final foi debuxar e pintar sobre folios brancos todo aquilo que se desexase e pensase, é dicir, non se reproduciu ningún modelo previamente estipulado, o que favoreceu a imaxinación cunha nova ferramenta ou recuso educativo máis ben afastado do eido escolar. Algunhas imaxes da experimentación son as seguintes: 





2. Un mundo de cores: Valéndonos de papeis de cores transparentes (facilmente atopables en calquera papelería ou libraría), saímos ó exterior da nosa escola para observar a natureza e o ceo. Destacar que esta tarefa é moi sinxela de realizar (non se necesitan máis recursos) e que ademais, aporta grandes resultados tanto nos máis cativos/as como na propia actividade docente, xa que os nenos e nenas se interesan moito polo feito de que a través de diferentes papeis, se poden ver realidades individuais e distintas.






3. Leite de cores: Para esta actividade debemos valernos dun prato, un pincel, unha cantidade pequena de xabón, leite (a poder ser enteira) e colorante alimentario de diferentes cores. 


A súa realización consiste en verter no prato un pouco de leite e no seu centro, unhas cantas gotas de cada un dos colorantes alimentarios. Despois, debemos mollar o pincel no xabón para, a continuación, colocalo verticalmente no centro, xusto onde están dispostas as cores. A reacción que se xera é que as cores sairán disparadas formando un auténtico abanico de tonalidades.


Engadir que no seguinte vídeo se ve mellor esta reacción e por suposto que, a canta máis cantidade de colorante alimentario, máis cores se formarán e máis vistosa será a actividade.



4. Lámpada de lava: Supoño que todos e todas coñeceredes este experimento tan creativo e sinxelo de levar a cabo. Para iso, unicamente necesitamos aceite, dúas pasillas efervescentes, auga, un recipiente a poder ser de cristal para ver e gozar do momento, e colorante alimentario de diferentes cores. 
En primeiro lugar, debemos botar no bote ou no elemento que se empregue para realizar a actividade, auga e aceite. A continuación, botar tres gotas de colorante da cor que se desexe. Finalmente e dun xeito rápido e eficaz, as dúas pastillas efervescentes. Desta maneira e utilizando a observación, veremos que o aceite e a auga non reaccionan con isto, senón que se mostran independientes, formando unha auténtica lámpada de lava. Para acompañar a tarefa, podemos valernos tamén de luz (pode ser a lanterna do móbil) e unha caixa para observar como se forman as  burbullas propias da pastilla efervescente. 
O experimento pode verse tamén no seguinte vídeo:



5. Mestúranse as cores? Colorinchos: Para rematar, levamos a cabo esta nova tarefa cuxa finalidade era que os máis cativos/as comprobasen cómo a partir dun sinxelo experimento, as cores non poden mesturarse nun recipiente. Pero agora estaredes todos/as pensando, iso como é posible? A resposta é moi rápida e facilmente entendible. So necesitamos azucre, auga de distintas cores (neste caso de cores amarela, vermella, verde e azul creada a partir de papel pinocho de diferentes tonalidades), unha xeringa, unha culler e un vaso de cristal pequeno. 
Polo tanto, colocamos a auga en catro copas distintas e valéndonos da culler botamos 6 culleradas de azucre a cor amarela, 4 á vermella, 2 á verde e ningunha á azul, e remecemos a mestura. Logo coa xeringa, procederemos a engadir nese vaso de cristal, en primeiro lugar, a auga amarela, despois a vermella, a verde e, finalmente, a azul. É dicir, seguindo a mesma orde de colocación do azucre. Así, deste xeito, comprobaremos que cada cor se mantén intacta e que non se produce ningunha mestura de tonalidades. 
Experimento divertido, limpo e rápido de levar a cabo. O seguinte vídeo así o demostra: 


Como na tarefa anterior e unha vez posta en práctica esta tarefa, podemos axudarnos de luz e unha caixa para observar a mestura heteroxénea ou, por outra parte, coa luz natural, colocar o vaso nunha superficie branca e observar as cores que se xeran, como se pode ver na imaxe seguinte:






martes, 9 de junio de 2015

Recursos para o aprendizaxe das letras

Xa que hoxe en día se lle está a dar un tremendo auxe ao aprendizaxe por descubrimento e que os nenos e nenas aprendan por si mesmos, a nosa escola non podía quedar illada de toda esta corrente, necesaria e verdadeiramente interesante e atractiva para o alumnado. Xa que logo, para o estudo das 27 letras do alfabeto optamos por deixar de lado as tan recorrentes fichas prediseñadas, e dar paso a outros recursos (que se presentan a continuación), en forma de xogos e actividades divertidos, lúdicos e que promoven a linguaxe e socialización. Diariamente os máis cativos/as puideron coñecer e traballar intensamente todas as vocais e consonantes, iniciándose no seu aprendizaxe e recoñecemento, os obxectivos fundamentais de cada unha das actividades desenvoltas. Polo tanto, estes son algunhas das tarefas levadas a cabo:

1. Lapbook das vocais e consonantes: Como se pode observar nas diferentes imaxes, este caderno divídese en tres partes correspondentes á parte das vocais cun subapartado onde aparecen 4 palabras que conteñen as cinco vocais a modo de anécdota para os pequenos/as, outras referida ás consonantes e, por último e no centro, un espazo para que os nenos/as, neste caso, anoten todas aquelas palabras que se lles ocorran e que comecen por cada unha das cinco vocais. 



As vocais
Palabras coas cinco vocais


As consonantes
Outra variante desta actividade sería que no xogo central, en vez de vocais, se traballasen directamente as consonantes ou mesmamente todas as letras en conxunto. Aínda así, o importante á hora de poñer en marcha esta tarefa, é que os máis cativos/as participen e colaboren ofrecendo ideas en forma de palabras e a labor do docente, por suposto, propiciar esta serie de comentarios ensinándolles imaxes, coa escoita de palabras en cancións e sons diversos, a lectura de contos e historias ...

2. Letras con "tacto": Caderno de letras caseiro onde os alumnos e alumnas poden familiarizarse coas letras empregando para iso o sentido do tacto. Neste caso, as vocais son as que aparecen representadas neste libro pero, como na actividade anterior, tamén se poden incluír as consonantes.
Engadir, por outra parte, que o interesante desta tarefa é que os nenos/as poidan tocar diferentes texturas e, deste xeito tanto directa como indirectamente, familiarizarse con palabras e formas suaves, rugosas, ásperas, finas ...

Letra A feita con goma-eva
Letra E feita con papel brillante
Letra I con papel pinocho
Letra O
Letra U con contorno feito de la
3. O oco de cada letra: Para familiarizarnos un pouco máis coas letras do alfabeto, buscamos un oco dentro do recuncho da biblioteca onde colocamos diferentes "bolsas" de letras. Nelas, o alumnado máis cativo, debía introducir palabras lidas en alto e observadas segundo a inicial pola que comezasen. Por exemplo, Igrexa, letra I, ou Armario, letra A. 
Recoméndase para a posta en práctica deste xogo que cada letra presente unha cor distinta para que así a discriminación sexa máis eficaz e sinxela para os nenos e nenas. 

4.A oca das letras: Lembrando este xogo tan tradicional, podemos reconvertilo para o estudo e aprendizaxe das letras. Por suposto, conta con todos os elementos característicos do mesmo como a casa (onde os participantes se poden protexer dos demais), o cárcere e o pozo (quen recaia nestes dous lugares, no primeiro deberá pasar 3 partidas sen tirar mentres que no segundo, dúas veces). 


O pozo
A casa
O cárcere

4. Libro Hasta el infinito: Da editorial Kalandraka, trátase dun caderno cuxo éxito e recoñecemento veñen dados porque os máis pequenos/as poden tocar, observar e incluso imaxinar milleiros de letras con diferentes formas e posicións. Recoméndase plenamente a súa lectura e visualización.





viernes, 5 de junio de 2015

Unidade didáctica O Camiño de Santiago

Nesta nova entrada (logo dunha tempada sen facer ningún post), imos a centrarnos e comentar a unidade didáctica O Camiño de Santiago, desenvolta durante estas semanas anteriores con todo o alumnado da nosa escola. É certo que pode resultar incomprensible ou mesmo un pouco raro levar a cabo unha serie de actividades, exercicios e tarefas sobre esta temática, dado que non adoita ser moi habitual nas escolas abordar datos básicos sobre O Camiño de Santiago. Pero o motivo fundamental da súa posta en práctica é que este enclave transcorre pola nosa vila, por Sarria e, polo tanto, non é algo illado do día a día dos máis cativos/as. Os peregrinos, os seus símbolos e sinais, os albergues ..., é dicir, todos os seus aspectos principais e importantes, son maioritariamente comúns e coñecidos por todos os alumnos/as.

Entón, algunhas actividades desenvoltas foron as seguintes:

1. Asamblea inicial para saber dos coñecementos previos dos nenos e nenas sobre O Camiño de Santiago. Para iso, todos os cativos/as se reuniron no recuncho da asamblea e todas as ideas, opinións e puntos de vista foron recollidas e anotadas para ter en conta á hora de poñer en práctica para as actividades vindeiras.

2. As diferenzas entre o peregrino antigo e actual: Nesta nova actividade e outra vez no recuncho da asamblea, o alumnado analizou dúas imaxes diferentes, unha do peregrino antigo, coa súa vestimenta característica, e outra fotografía, máis recente, das roupas do viaxeiro actual. O obxectivo deste exercicio é que os nenos e nenas entendan de que a peregrinación a Santiago leva facéndose dende tempos verdadeiramente antigos e que os obxectos, elementos e vestimentas dos peregrinos, co paso do tempo, cambiaron en gran medida.

Peregrino antigo
Peregrino actual

3. O noso peregrino: Valéndonos de cartolinas de cores marrón escuro, claro e azul, todos os alumnos/as realizaron o seu propio peregrino. A manualidade gustou moito a todos/as e mesmo cada viaxeiro tiña o seu propio nome, por suposto elixido por cada cativo/a.

4. Normas do bo peregrino: Logo de aprender aspectos sobre o que os peregrinos deben saber e facer durante o seu viaxe a Santiago de Compostela, en dous folios todo o alumnado reflexiou sobre qué fazañas podían ou non desenvolver. Por exemplo, tirar lixo ou durmir máis dunha noite nun albergue, correspóndense con accións erróneas pero, contrariamente, coidar a natureza ou respectar as sinais, trátanse de actos favorables e que deben incorporarse nas normas positivas. Por suposto, as tarxetas nas que están escritas as normas, ao estar plastificadas, débenselles recortar as esquinas para que os máis cativos/as non sufran ningún tipo de dano polas súas puntas afiladas e serán facilmente colocadas no folio e espazo axeitado se no seu reverso se pega glutá, un tipo de cola sólida moi empregada nas escolas.

As normas do bo peregrino
Máis normas negativas
Máis normas positivas 

5. As etapas de O Camiño de Santiago: Para saber máis sobre a peregrinación, repasamos cales son as vilas ou pobos máis destacables do camiño na nosa comunidade e cales son os seus monumentos ou enclaves principais. Por exemplo, en O Cebreiro, as súas pallozas, ou en Palas de Rei, o castelo de Pambre. Entón, o exercicio consistíu, unha vez traballado en profundidade estes aspectos, en facer unha asociación entre a etapa (escrita nunha tarxeta), o seu número e a imaxe do elemento característico.






6. Qué necesita o peregrino na mochila?: No recuncho da asamblea e valéndonos dos obxectos típicos que todo peregrino leva consigo na súa mochila, ensinamos e recoñecemos moitos deles que os máis cativos/as nomearon. Por exemplo, un chuvasqueiro, un mapa das etapas do camiño, unha cantimplora, unha brúxula, un diccionario (no caso de que o peregrino sexa estranxeiro ou descoñeza os nosos idiomas) ...

7. Bingo de símbolos: Actividade que servíu para que todo o alumnado, a través dun xogo divertido e sinxelo, coñecese e recoñecese os símbolos propios de O Camiño de Santiago. Nel presentábanse oito imaxes de elementos destacables como o gorro do peregrino, o seu bastón, a cabaza, a sinal de albergue, a cuncha, a sinal de dirección, a frecha amarela e a cruz vermella. O transcurso da actividade consistiu en que un neno/a, aleatoriamente, presentaba as fotografías de unha en unha e os demais, valéndose de anacos pequenos de plastilina e en tarxetas previamente elaborada e que contiñan catro símbolos distintos, debían tapar aquelas imaxes presentadas ata facer bingo.
Imaxes dos simbolos cos seus correspondentes nomes
Imaxes dos símbolos coas tarxetas do xogo
Tarxetas do xogo Bingo de símbolos de O Camiño de Santiago
8. Encrucillado de O Camiño de Santiago: Os alumnos/as debían cubrir un encrucillado ata conseguir a palabra en vertical PEREGRINO (en rosa)

Encrucillado
Encrucillado
9. A catedral: Despois de observar na rede diversas imaxes da catedral de Santiago de Compostela, os nenos/as, en pequenos grupos, debían reproducir esta antiga edificación valéndose de materiais de construcción presentes na aula. Logo, unha vez feitas, fíxose unha votación democática entre o alumando sobre cal lles pareceu a "catedral" máis parecida á verdadeira.

10. Saída pola etapa de Sarria: Xa que temos o camiño moi preto da nosa escola, fixemos unha saída pola etapa de Sarria, concretamente dende o km. 111 ata o km. 113, situado no Mosteiro da Magdalena, o monumento máis elevado de toda a vila. Durante toda esta visita puidemos ver diversos símbolos propios como frechas amarelas, itos, sinais de albergues e mesmo charlar con tres peregrinos, dous irmáns aragoneses e un portugués, que nos saudaron moi amigablemente. 

miércoles, 29 de abril de 2015

Escolas rurais con TIC II

Continuando co programa que iniciamos para difundir e promocionar a escola e a educación que se imparte no noso centro, este é o segundo vídeo que subimos á famosa comunidade de Youtube. Nel pode visualizarse un breve documental cunha pequena descripción da unitaria Céltigos e tamén unha explicación sobre qué características das TIC e mais dos centros escolares, incluíndo aquí tamén os rurais, son compartidas por ambos eidos. 
Polo tanto, este é o enlace de Youtube https://www.youtube.com/watch?v=HqyXKhzzF2Y 

Espero que vos guste!

 

miércoles, 22 de abril de 2015

Escolas rurais con TIC

No seguinte vídeo, de elaboración propia e contando coa axuda de programas como Windows Movie Maker e Audacity ou da base da datos de imaxes Google Imaxes, podemos escoitar cales son as principais e máis fundamentais características das escolas rurais (unitarias e CRA). Ademais, tamén podemos observar cómo as TIC (neste caso, Youtube e máis concretamente esta bitácora) poden axudar a difundir e promocionar este tipo de educación tan especial. 
Polo tanto, deixo nesta nova entrada o documental e espero que vos guste.
Na rede podédelo atopar no seguinte enlace: 
https://www.youtube.com/watch?v=DaY2pFUNcyU


domingo, 19 de abril de 2015

Ruralidade e TIC, mundos tan diferentes?

A escola unitaria Céltigos está verdadeiramente involucrada coas novas tecnoloxías da información e comunicación, e dado que supoñen un interesante recurso para facer ver e demostrar o que se fai nun centro destas características, tamén temos a nosa propia revista dixital, denominada Ruralidade e TIC, mundos tan diferentes?

Para a súa elaboración, valémonos da ferramenta informática ISSUU, de fácil manexo e que garante uns resultados realmente satisfactorios. O enlace correspondente á publicación é o seguinte: http://issuu.com/laralence/docs/revista_dixital 

Polo tanto e para os que lles resulte máis sinxelo botarlle unha ollada á revista dende este blog educativo, velaquí vos presento o documento íntegro, o cal se divide en tres partes: as actividades que fai o alumnado da escola, documentación destacable para docentes e, por último, artigos que poden resultar interesantes de ler e recomendables para todos os públicos. 

Espero que vos guste! 

sábado, 18 de abril de 2015

Proxecto Rural Schools&Computación na Nube

Este vídeo que a continuación se presenta neste novo post, explica de forma facilmente comprensible para todos, profesionais ou non da materia, como foi desenvolver o cloud computing nas escolas unitarias que forman o CRA (Colexio Rural Agrupado) de Boqueixón-Vedra (A Coruña). 

A través de divertidas imaxes que actúan de complemento á explicación dos propios docentes, comentan como se desenvolveu a instalación do sistema operativo cloud, baseado en software de código aberto EyeOs, e, por suposto, adaptadoo ás peculiaridades e múltiples características tanto dos centros como da zona. Deste xeito, naceu unha nube común de comunicación, interacción e relación entre todos os alumnos e alumnas das diversas escolas que forman o CRA e mais o profesorado.

O vídeo é o seguinte: